Os mozos e mozas de Brión xa estamos de volta da Viaxe da Mocidade a Jerez de la Frontera 2014. Do 19 ao 25 de xullo visitamos Andalucía para coñecer Jerez, Cádiz, Sevilla, Medina Sidonia, Vejer de la Frontera,  Zahara de los Atunes e Tarifa. De paso, visitamos Gibraltar; tamén gozamos do parque de atraccións Isla Mágica en Sevilla e dun espectáculo hípico na Real Escuela Andaluza de Arte Ecuestre.

Foi unha intensa semana con momentos inesquecibles e banda sonora propia. "Acalorados" andivemos dun lado para outro, como unha gran familia que somos integrada por 37 membros de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos. Tampouco nos esquecemos de Lito e Pepe, os condutores, dous grandes profesionais da estrada que nos guiaron de lugar en lugar con moita paciencia. Moitas grazas.

Dende a organización que podemos dicir... Foi unha experiencia inesquecible viaxar cunha mocidade tan unida, sana e divertida. Estámosvos moi agradecidos por participar nesta experiencia que dende 2007 (sen contar os intercambios) está a establecer inquebrantables lazos de amizade e camaradería entre xente nova de todos os puntos do concello e localidades veciñas.

Esperamos contar convosco en futuros proxectos. Mentres tanto, só queda lembrar con morriña as imaxes dunha viaxe que, aínda que rematou, deixou unha profunda pegada en todos nós.

Para ver a galería de imaxes da viaxe, preme a seguinte ligazón

Comentarios ( 0)